Entroido no Deza. O Alto dos Xenerais e os Cacharelos.

De ano en ano agardamos polo entroido para poder cumprir coas tradicións, preparar un novo disfrace, cociñar os doces típicos desta festa e compartir cos amigos uns días de risas, baile e festa.
Aínda que a provincia de Ourense ten a sona, hai outras zonas con entroido tradicional que merece a pena coñecer, na comarca do Deza (Pontevedra) podemos asistir a un dos entroidos rurais tradicionais que foi declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, os Xenerais do Ulla, e tamén a unha nova cita Entroideira na Cacharela, Lalín, que cumpriu XII anos nesta edición.

Entroido do Alto dos Xenerais


Os concellos de Silleda (nas parroquias de Lamela e Bandeira) e Vila de Cruces (en Merza e Salgueiros) acollen cada ano, dende a primeira metade do século XIX os Altos dos Xenerais. Durante o día os Xenerais e os Correos a cabalo percorren o lugar dando o “Viva” a veciños e visitantes. Van acompañados dun desfile de comparsas, carrozas e parrandas. Este desfile remata nunha praza onde escenifican o alto ou atranque recitando as coplas escritas para ese día nas que fan burla e sátira de asuntos locais, de política ou de outros acontecementos do último ano. É un enfrontamento dialéctico entre Correos e Xenerais dun e outro bando que ten a súa orixe nos enfrontamentos bélicos acontecidos na zona no século XIX: a invasión do exército napoleónico, a revolución de 1846 ou as guerras Carlistas.


Esta é unha festa de gran tradición que se presta ó goce en familia. Cada parroquia mantén algún trazo definitorio que o fai único e diferente dos demais invitándonos a repetir cada ano. A Bandeira por exemplo, é unha parroquia de Silleda cun gran espírito cultural na que un se sente acollido. Aquí a festa non está masificada e é doado aparcar e camiñar polas súas rúas. O atranque ten lugar nunha praza que conta con carpa por se chove e está a carón dun parque infantil e preto de acolledoras tabernas onde merendar ou tomar algo.
O que máis chama a atención para os cativos aquí é o Alto Infantil protagonizado polas alumnas e alumnos do CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira que cada ano se enfrontan coas súas propias coplas deixando abraiados a todo o público co seu talento e enxeño.
Ata a guerra civil o veciño concello de Lalín contaba cun alto dos Xenerais o domingo de Piñata no Campo da Goleta entre as parroquias de Cristimil e Gresande.

Entroido do Cacharelo


Quizais a perda ou a falta dun entroido tradicional foi o que espertou o enxeño dos veciños da Cacharela e crearon a súa festa e o seu propio personaxe: O Cacharelo. Inspirado nunha obra de Laxeiro “O Mascarón” de 1934 e con un traxe que semella lume.


Cada domingo de entroido as familias de Lalín e os visitantes teñen unha cita no barrio da Cacharela ( á altura da curva da Avenida Buenos Aires para quen precise consultar un mapa) onde, nun ambiente festeiro e acolledor poden deixarse mimar polos anfitrións que cada ano preparan doces típicos, filloas, chocolate e coidan cada detalle: carpa por se chove, música, baile, ambientación temática, xogos populares e as súas personaxes, por suposto.


É unha tarde xenial na que gozar dos Cacharelos (co risco de levar un toxazo), os Papamoscas, o Boi e outras sorpresas. Sen dúbida un plan xenial para facer en familia.

Os Papamoscas danzando na Cacharela

Este fermoso artigo está escrito por Sonia Vázquez, educadora ambiental, entusiasta das tradicións galegas e enamorada do mar. É Mamá de duas nenas rebuldeiras herdeiras da nosa cultura e da nosa terra.

Se queres seguir disfrutando de actividades en familia na zona do Deza recoméndoche seguir o seguinte enlace para coñecer “O Puzo do Boi”

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × 5 =